O Concello de Burela presenta o seu Plan de Mobilidade Sostible
O Concello de Burela presentou ante a veciñanza o seu novo Plan de Mobilidade Sostible. O acto tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello. A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca que se trata dun plan “moi pragmático e que resolve os pequenos problemas da nosa vila”. “Con pequenos axustes podemos conseguir moito sen necesidade de facer grandes cambios”, apunta a rexedora.
A alcaldesa subliña que “foron meses de medicións de vehículos, persoas e ocupación de aparcamentos, de realización de enquisas, mesas de propostas, xornadas de portas abertas, reunións… un traballo no que a participación e o diálogo foron factores clave”. O Plan de Mobilidade é “un documento técnico, froito de varios meses de traballo, que formula 54 medidas para mellorar Burela, facéndoa máis accesible, máis segura, máis saudable”, sinala López.
Deste xeito, o documento pretende servir “para a toma de decisións e para ordear as ideas no tempo, de cara a facilitar a boa relación das persoas co seu Entorno”, conclúe. Ao rematar a presentación realizouse unha pequena enquisa entre os asistentes sobre que investimentos consideraban máis urxentes e en que investirían para mellorar Burela.
O investimento considerado máis urxente foi en accesibilidade para persoas maiores e coa mobilidade reducida, seguido dos investimentos en seguridade nos percorridos da rapazada e as contornos de colexios e parques. O seguinte investimento en nivel de prioridade para os asistentes foi a ampliación da oferta de estacionamento no centro urbano, seguido da mellora da oferta de bus e tren con outros núcleos de poboación e da interconexión dos paseos marítimos a nivel peonil e ciclista.