O Concello inviste 150.000 euros na mellora da EDAR de San Ciprián

AMariñaXa
A actuación permitirá aumentar a capacidade de tratamento en case 20.000 m³ anuais e supón un importante impulso para o Polígono de Cuíña
melloras-da-EDAR-cervo
17 Oct 2025

O Concello de Cervo está a executar unha importante actuación de mellora do sistema de transporte e depuración de augas residuais na EDAR de San Ciprián, situada no Polígono Industrial de Cuíña, cun investimento de algo máis de 150.000 euros -158.311,85 euros concretamente- financiado a través dunha subvención da Xunta de Galicia destinada a parques empresariais.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata a planta depuradora para ver in situ o alcance dos traballos destacando que “se trata dunha actuación moi importante para mellorar a eficiencia e a capacidade de tratamento da nosa infraestrutura hidráulica, reducindo os alivios nos episodios de choiva intensa e garantindo un maior volume de auga tratada”.

O proxecto ten como obxectivo optimizar a explotación do tanque de tormentas e da EDAR, aumentando ata en 19.980 m³ anuais a capacidade de tratamento da estación en escenarios de choiva prolongada.

Entre as actuacións máis destacadas atópanse a renovación das bombas da EBAR do tanque de tormentas, cun incremento do caudal de bombeo nun 33 %; a modernización dos cadros eléctricos e sistemas de control, permitindo activar as bombas en función do nivel do tanque; a mellora da automatización da EDAR, cun novo sistema de control do caudal de entrada ao reactor biolóxico e da recirculación e purga de lodos, e a incorporación de sensores de pH, condutividade e caudal, así como integración de todos os equipos no sistema de telexestión SITIAS, para unha explotación máis eficiente e monitorizada.

Ademais das actuacións na estación principal, e no tanque de tormentas, -no parque Reina Sofía-, tamén se están executando melloras nas estacións de bombeo do polígono, garantindo un funcionamento coordinado de todo o sistema.

A alcaldesa subliñou que “estas melloras supoñen un avance significativo na xestión sostible da auga, asegurando o cumprimento da normativa ambiental”. Engadiu tamén que esta actuación contribúe a fortalecer o Polígono Industrial de Cuíña, “mellorando as súas infraestruturas básicas e reforzando a súa competitividade como espazo estratéxico para a implantación e o desenvolvemento de empresas no municipio”.

Unha actuación que se suma, á que o Concello de Cervo está a executar tamén neste parque empresarial para mellorar os accesos e a mobilidade peonil; proxectos ambos os dous que reflicten unha aposta integral do Concello de Cervo pola modernización e dinamización do polígono, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico local e ofrecer servizos de maior calidade tamén ás empresas, ás persoas traballadoras e á veciñanza en xeral, que tamén se beneficiará dunha contorna máis ordenada, eficiente e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.069417953491211