O Concello impulsa a modernización da rede de auga cun investimento de máis de 250.000 euros

O goberno municipal segue a dar pasos firmes na mellora da rede de subministro de auga, cun novo paquete de actuacións valorado en máis de 250.000 euros, financiado ao abeiro dun convenio coa área de Medio Rural da Deputación.
Un dos principais proxectos en marcha é a renovación do depósito da Folgueirosa, en San Cosme, onde se investirán preto de 20.000 euros. A licitación das obras está aberta ata o 8 de maio, e contempla a substitución das válvulas de control de enchido dos vasos, o que permitirá un control máis preciso dos niveis de auga e reducirá os fallos durante este proceso.
Estas melloras permitirán actualizar un sistema que data dos anos 70 e que complementará os traballos realizados o pasado ano na zona costeira, cun investimento de máis de 10.500 euros. Entre as novidades, inclúese tamén a instalación dun sistema automático de recloración, que permitirá unha dosificación máis precisa e unha mellora substancial na calidade da auga en toda a rede, que supera os 100 quilómetros desde San Caetano ata A Barranca.
Por outra banda, xa están en marcha as obras de impermeabilización do depósito de Merille, practicamente inutilizado ata o de agora debido ás perdas de auga. Unha vez rematadas, aumentará a capacidade de almacenamento. Ademais, prevese a substitución do sistema de bombeo da Folgueirosa, co obxectivo de incrementar o caudal durante os períodos de maior consumo.
Tamén está en fase de estudo e redacción o proxecto de renovación da principal tubaxe de conexión entre San Caetano e a Folgueirosa, actuación que completa este ambicioso plan para garantir un servizo de auga máis eficiente, moderno e sustentable.