O Concello do Vicedo, preocupado pola presenza de carabelas nos areais

AMariñaXa
A aparición destes exemplares a diario nos areais causa alerta entre os bañistas, pero tamén aos gobernos locais que deben facer fronte a esta problemática
Imaxe dunha carabela portuguesa (1)
3 sep 2024

O Concello do Vicedo amosa a súa preocupación pola presenza de carabelas portuguesas, que abarca xa todos os concellos costeiros da Mariña. A aparición destes exemplares a diario nos areais causa alerta entre os bañistas, pero tamén aos gobernos locais que deben facer fronte a esta problemática.

“Se tiñamos poucas adxudicacións encima con esto é máis complicado. Mandamos persoal como podemos pero é moi difícil”, comenta o alcalde, Jesús Novo. En último momento, tócalle ao servizo de socorrismo determinar se pecha a praia ao baño, pero se non o hai é o Concello o encargado de asumir esta responsabilidade, como aconteceu na de Abrela e na de San Román.

“Eu creo que é unha inquietude xeral en todos os concellos da Mariña. En praias máis resgardadas como a de Xilloi ou a de Arealonga non aparecen pero nas outras si e temos que estar pendentes”, engade. Segundo os expertos o quecemento da auga derivada pola contaminación, os cambios nas correntes do mar e a falta de especies depredadores inflúen na aparición destes invertebrados. De feito, ao longo do mes de setembro a previsión é que a auga se manteña aínda máis cálida, polo que se espera que sigan presentes estes pólipos.

Algúns deles son dun tamaño moi pequeno, o que conleva que sexan difíciles de localizar para os usuarios. Son perigosos para os bañistas porque as picaduras provocan unha inflamación da pel, así como dor e picor intensos, maior ca que provocan as medusas, polo que se debe extremar a precaución. Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta recomendan que a persoa picada saia da auga inmediatamente, eliminar calquera resto de tentáculo e logo lavar a zona con auga de mar limpa, asegurándose de que non contén fragmentos de tentáculos. A continuación, debe aplicarse frío na picadura cunha bolsa de plástico con xeo durante 15 minutos para limitar a propagación do veleno. Finalmente, desinfectarase a ferida con tintura de iodo para previr infeccións

0.1052610874176