O Concello do Valadouro reafirma a súa vontade de colaborar coas asociacións veciñais

AMariñaXa
O alcalde, José Manuel Lamela, lembra que todas deben presentar proxectos xustificados para optar ás axudas municipais
Jose-Manuel-Lamela-voceiro-PP-valadouro
5 Sep 2025

O goberno local do Valadouro quere deixar clara a súa “total disposición a colaborar con todas as asociacións de veciños, sen discriminacións”. Así o manifestou o alcalde, José Manuel Lamela, durante o último Pleno municipal, no que volveu insistir en que o Concello terá en conta todas as solicitudes, sempre que veñan acompañadas dunha memoria ou proxecto detallado, xunto cun orzamento estimado.

Lamela explicou que este sistema garante un uso responsable dos recursos públicos: “o anterior goberno reservaba fondos, pero en moitos casos as asociacións non xustificaban os gastos e houbo que conceder prórrogas para evitar que perderan as axudas”. Agora, sinalou, “estamos traballando con responsabilidade e atendendo todas as peticións que cumpren os requisitos”.

Segundo indicou o rexedor, xa se concederon subvencións ás asociacións de Vilacampa e Cadramón, e tamén se está colaborando coa de Santa Cruz, que solicitou unha porta. Ademais, engadiu que o BNG “esqueceu mencionar á asociación da parroquia de Alaxe, que tamén forma parte do tecido veciñal”.

En relación co arranxo de pistas, Lamela precisou que cando son de titularidade municipal correspóndelle ao Concello atender esas melloras, algo que se está facendo progresivamente en función das posibilidades orzamentarias.

Respecto ao punto limpo, o goberno local criticou que o BNG reclame agora actuacións que non levou a cabo nos once anos que estivo á fronte do Concello. “Tiveron tempo para instalar electricidade, mesmo cando construíron preto unha nave para tiro con arco con alumeado propio”, lembraron. O executivo municipal tamén apuntou que foi esa mesma etapa a que deixou pasar a oportunidade de solicitar o punto limpo móbil, polo que agora haberá que esperar a novas convocatorias de subvencións.

Por último, recoñeceron que no verán se incrementa notablemente a xeración de residuos debido ao aumento da poboación, algo que tamén ocorría en mandatos anteriores. Aínda así, subliñaron que o servizo funciona “sempre que se pode, recollendo os refugallos coa maior axilidade posible”.

⚙ Configurar cookies
0.16202521324158