O Concello de Xove ten preparados varios actos para o 25N
O Concello de Xove a través da Concellería de Servizos Sociais, ten preparados e confirmados varios actos para conmemorar o 25N, así, darán comezo o 22 de novembro cun Taller Violencia de Xénero no novo contexto dixital, unha actividade concedida pola Secretaria Xeral de Igualdade e organizada pola Concellería Municipal de Igualdade en colaboración co IES Illa de Sarón, dirixida ao alumnado de secundaria do centro de ensino
O día 25 de novembro será a presentación do Plan Municipal Integral contra a Violencia de Xénero do Concello de Xove e o Calendario 2022 Pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero. Este último está deseñado polos rapaces participantes no taller de igualdade realizado no verán na OMIX.
O día 27 farase entrega dos premios do I Concurso Tiktok pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, na OMIX ás 12:00 horas.
Por outra banda, o Concello de Xove informa que está a elaborar o Plan de Igualdade interno dos traballadores do Concello. Trátase dun conxunto de medidas avaliables, dirixidas a remover os obstáculos que impiden ou dificultan a igualdade efectiva de mulleres e homes, e a eliminar a discriminación por razón de sexo. Presentarase o xoves 25 de novembro ás 12:00 horas no salón de Plenos do Concello.
O plan de igualdade estrutúrase tras a realización previa dun diagnóstico, negociado coa representación legal das persoas traballadoras, e elaborado na comisión negociadora do devandito plan de igualdade. O pasado día 18 constituíuse a Comisión Negociadora do Plan de Igualdade.