O Concello de Xove renova o Centro Social das Gulpilleiras cun proxecto de mellora estética e funcional

AMariñaXa
As obras, realizadas por Saiju SL, corrixiron problemas de humidade e desconchados na fachada desta instalación municipal situada na parroquia da Rigueira
CENTRO-SOCIAL-DE-AS-GULPILLERAS-NA-RIGUEIRA-XOVE
4 Oct 2025

O Centro Social das Gulpilleiras, na parroquia da Rigueira, vén de experimentar unha importante mellora grazas ás obras de acondicionamento levadas a cabo pola empresa Saiju SL. A intervención centrouse na rehabilitación da fachada, que presentaba numerosas patoloxías construtivas como humidades, manchas permanentes e desconchados que deterioraban tanto a estética exterior como as condicións de uso do interior.

A actuación permitiu aplicar un tratamento de pintado que, ademais de mellorar a imaxe xeral do edificio, funciona como impermeabilizante, garantindo unha maior protección fronte á entrada de auga. Deste xeito, mellóranse non só as condicións de habitabilidade do centro, senón tamén a súa integración na contorna, reducindo o impacto paisaxístico negativo que viña provocando o seu deficiente estado de conservación.

O investimento total ascendeu a 24.805 euros. Do conxunto, o 70% procede dunha liña de subvencións da Xunta de Galicia para a corrección de impactos paisaxísticos, xestionada polo Instituto de Estudos do Territorio, mentres que o 30% restante foi achegado polo propio Concello de Xove.

Con esta actuación, o goberno local destaca que se dá resposta a unha demanda veciñal, ao tempo que se asegura a continuidade dun espazo sociocultural de referencia para a vida comunitaria da parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.087493896484375