O Concello de Xove promove a alfabetización dixital da terceira idade

AMariñaXa
Os participantes aprenderán a navegar con seguridade, usar redes sociais e xestionar ferramentas dixitais
concello-xove-casa-consistorial
12 Mar 2026

O Concello de Xove abriu o prazo de inscrición para o curso “Seguridade: Protexe o teu mundo dixital”, destinado a persoas maiores de 60 anos. Esta iniciativa, organizada por YoConecto, ofrece formación adaptada a todos os niveis e permitirá aos participantes aprender a moverse con seguridade por Internet, realizar xestións coa Administración electrónica e xestionar a banca dixital.

Ademais, os asistentes poderán utilizar redes sociais e ferramentas dixitais de maneira creativa e segura, comunicarse por videochamada, e descubrir plataformas e aplicacións para a aprendizaxe, o lecer e a saúde. O curso tamén inclúe formación para impulsar negocios en contornas dixitais e crear un currículo dixital, proporcionando todas as habilidades necesarias para avanzar no mundo en liña.

Estas accións forman parte da iniciativa Xeración D, impulsada por Red.es e o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, e están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia mediante os fondos Next Generation EU.

O curso terá lugar os días 7, 9, 14 e 16 de abril, en horario de 16.30 a 19.30 horas, na aula de informática do Centro Xuvenil de Xove. As persoas interesadas poden anotarse ou solicitar información no teléfono 982 571 816.

0.1282160282135