O Concello de Xove presenta o Programa Municipal de Xestión de Colonias Felinas

AMariñaXa
O programa está baseado no método CER (captura, esterilización e retorno), unha estratexia ética e eficaz para o control
control-de-poboacion-felina-xove
11 Apr 2026

O Concello de Xove presentou este venres o novo Programa Municipal de Xestión de Colonias Felinas, unha iniciativa que ten como obxectivo principal garantir o benestar animal, así como promover unha convivencia responsable entre a cidadanía e as colonias de gatos existentes no municipio.

O acto contou coa participación dunha veintena de voluntarias e voluntarios, aos que se lles explicou de maneira detallada como se vai desenvolver o programa. Durante a sesión atendéronse dúbidas e recolléronse propostas por parte das persoas asistentes, nun ambiente moi ameno, con moi boas sensacións e cunha clara vontade de traballar de maneira conxunta.

O programa está baseado no método CER (captura, esterilización e retorno), unha estratexia ética e eficaz para o control da poboación felina. A través deste sistema, preténdese reducir progresivamente o número de exemplares, mellorar o seu estado sanitario e minimizar posibles molestias á veciñanza.

Na presentación estiveron presentes o alcalde, Demetrio Salgueiro; a tenente de alcalde, Dolores Meitín; a concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Cecilia Duarte; e o Cabo do Seprona de Xove, Alberto Santiago Palmeiro.

O programa tamén contempla a identificación e rexistro das colonias, a formación de persoas voluntarias encargadas do seu coidado e seguimento, así como campañas de sensibilización cidadá sobre a importancia do respecto e a protección dos animais.

Desde o Concello destacouse a importancia da colaboración veciñal para o éxito desta iniciativa, facendo un chamamento á responsabilidade colectiva e á implicación da comunidade. Así mesmo, quérese agradecer expresamente a todas as persoas asistentes a súa boa disposición para traballar en equipo e contribuír ao desenvolvemento deste proxecto.

Con esta acción, o Concello de Xove reafirma o seu compromiso coa protección animal e coa implementación de políticas sostibles que contribúan a mellorar a calidade de vida no municipio.

0.10517382621765