O Concello de Xove organiza unha charla para axudar ás familias a identificar trastornos psicolóxicos na infancia e adolescencia

O Concello de Xove impulsa unha nova acción formativa dirixida a familias, persoas coidadoras e profesorado, centrada na comprensión e detección temperá dos trastornos psicolóxicos máis frecuentes en nenos, nenas e adolescentes. A charla será impartida pola educadora social Rocío Rey, profesional con máis de dezasete anos de experiencia no traballo con menores.
O obxectivo principal do curso é ofrecer ferramentas prácticas para entender mellor o funcionamento emocional dos menores, recoñecer posibles sinais de alerta e previr condutas de risco, especialmente aquelas vinculadas á ideación suicida. A sesión tamén explicará os pasos a seguir ante unha situación deste tipo, sempre dende unha perspectiva de acompañamento e comprensión, tanto cara á persoa afectada como cara ao seu entorno familiar.
Desde o Departamento de Servizos Sociais destacan a importancia desta iniciativa como un espazo de aprendizaxe e apoio, nun momento no que os problemas de saúde mental infantil e xuvenil están a adquirir unha preocupación crecente. “É fundamental que as familias e o persoal educativo dispoñan de coñecementos e recursos para actuar a tempo”, subliñan.
As inscricións permanecerán abertas ata o xoves 9 de outubro, e poderán formalizarse no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Xove ou chamando ao teléfono 982 59 20 01. A actividade é de balde e está pensada para favorecer un diálogo aberto e constructivo entre profesionais e cidadanía sobre unha temática de gran sensibilidade e actualidade.