O Concello de Xove mellora a estrada cara ao Portiño de Morás e elimina un punto negro en Sumoas

AMariñaXa
A actuación, incluída no Plan Único da Deputación de Lugo, supuxo un investimento de máis de 145.000 euros e permitiu reforzar o firme, ampliar o vial e crear un sendeiro peonil
Xove-pavimentacion-e-mellora-do-vial-SUmoas-2025
11 Nov 2025

O Concello de Xove vén de recepcionar a obra de pavimentación e mellora do vial que conecta o núcleo urbano co Portiño de Morás, na estrada LU-P-2601 ao seu paso por Sumoas. A intervención, que se executou ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo 2024, contou cun investimento total de 145.628,33 euros, dos cales 94.726,89 euros foron achegados pola Deputación. O resto do custo foi asumido polas arcas municipais.

As obras, realizadas pola empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa S.L., consistiron na aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente para reforzar o firme xa existente, así como na ampliación dun tramo estreito que presentaba dificultades de circulación no lugar de Poceiras, en Sumoas.

A intervención incluíu tamén a construción dun muro de contención, o que permitiu eliminar un punto negro de tráfico e mellorar notablemente a seguridade viaria. Deste xeito, o vial ofrece agora máis amplitude e mellores condicións de circulación, tanto para os vehículos que transitan habitualmente pola zona como para os propios veciños.

A maiores, habilitouse un sendeiro peonil na marxe da estrada, que facilita o desprazamento a pé entre o pobo de Xove e as inmediacións da igrexa de Sumoas. “Este acondicionamento supón un importante avance para a seguridade dos peóns e a mellora da mobilidade local”, sinalaron desde o Concello, que destaca o valor desta obra para o benestar da veciñanza.

Con esta actuación, os dous quilómetros que separan Xove de Sumoas pola LU-P-2601 quedan en perfecto estado, o que contribúe a reducir o risco de accidentes e a mellorar a seguridade tanto de condutores como de peóns. Ademais, o goberno local lembra que o mantemento regular das estradas é unha das súas prioridades, “pois facilita a mobilidade, o transporte e o desenvolvemento económico do municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.072221040725708