O Concello de Xove mellora a eficiencia enerxética do Centro Cívico cunha nova caldeira de biomasa

O Concello de Xove vén de recibir a obra de substitución da caldeira de biomasa que abastece de enerxía térmica a todas as instalacións do Centro Cívico. Trátase dunha actuación de gran envergadura que ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do complexo municipal e avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
O alcalde explicou que a intervención consistiu na substitución da antiga caldeira de estela de 500 kW por unha nova de 800 kW, moito máis potente e moderna, acompañada dun novo elevador de estela e dun silo de almacenamento ampliado. A obra supuxo tamén a renovación completa da sala de máquinas, adaptándoa á normativa vixente (RITE 2019), e a instalación de equipos de última xeración: axitador rotatorio, parafuso sinfín, ciclón, filtro electrostático, circulador electrónico, contador de enerxía térmica e eléctrica, e un novo vaso de expansión.
A actuación inclúe, ademais, un sistema integral de xestión tipo ESCADA e un control remoto que permitirá supervisar en tempo real o funcionamento da caldeira desde calquera dispositivo móbil ou ordenador. Este sistema facilitará a detección inmediata de posibles incidencias e mellorará o rendemento global da instalación.
O investimento total ascendeu a 342.817,20 euros, dos cales 261.605,40 euros foron achegados pola Xunta de Galicia a través do INEGA, mentres que Rede Eléctrica colaborou con 46.502 euros mediante un convenio co Concello. A administración local asumiu o importe restante, arredor de 34.700 euros, logrando ao tempo un aforro adicional no subministro de biomasa grazas ao maior volume de almacenamento, que reducirá a frecuencia de recargas.
O goberno local destacou que esta mellora non só supón unha importante modernización das infraestruturas enerxéticas do municipio, senón tamén un paso firme cara á sustentabilidade. A nova caldeira de biomasa permitirá reducir notablemente as emisións de CO₂, xa que este tipo de combustible é neutro en emisións ao compensar o dióxido de carbono liberado durante a combustión co absorbido polas plantas no seu crecemento.
Ademais, o uso de biomasa local contribúe á creación de emprego na contorna e á redución da dependencia de combustibles fósiles importados. Con esta actuación, o Concello de Xove persegue varios obxectivos: empregar un sistema de calefacción máis eficiente e sostible, reducir os custos enerxéticos municipais e fomentar o uso de recursos renovables e de proximidade.
O alcalde subliñou que se trata “dun proxecto estratéxico para o futuro do municipio, que combina innovación tecnolóxica, eficiencia económica e compromiso ambiental”. Engadiu que “a aposta por fontes limpas e locais de enerxía é o camiño para garantir un desenvolvemento sostible e responsable”.