O Concello de Xove impulsa a formación dixital para maiores de 60 anos

O Concello de Xove, en colaboración coa iniciativa YoConecto.org e a Fundación Cibervoluntarios, organiza un curso gratuíto de iniciación ao mundo dixital para persoas maiores de 60 anos. O obxectivo desta formación é achegar as novas tecnoloxías a este colectivo, proporcionándolles ferramentas para utilizar Internet con seguridade, comunicarse a través de videochamadas e acceder a servizos en liña como a banca electrónica ou a administración pública.
O taller terá lugar de forma presencial na Sala de Informática da Oficina Municipal de Información Xuvenil. Desenvolverase do luns 24 ao xoves 27 de marzo, en horario de 16:30 a 18:30 horas, con unha sesión de titoría adicional o venres 28 de marzo na mesma franxa horaria.
A formación incluirá contidos sobre identidade dixital, redes sociais, aplicacións de lecer e saúde, e seguridade en Internet, entre outros. Ademais, ao rematar o curso, os participantes recibirán unha certificación que acredita a súa aprendizaxe.
As prazas son limitadas e os interesados poden inscribirse chamando ao 982 57 18 16. O Concello de Xove anima a todas as persoas maiores que queiran mellorar as súas habilidades dixitais a aproveitar esta oportunidade de aprendizaxe e conexión co mundo dixital.