O Concello de Xove explicou ás asociacións municipais os prazos e trámites das axudas e subvencións
O salón de plenos do Concello acolleu a máis de medio cento de representantes das distintas entidades, clubs deportivos e asociacións, nunha xuntanza informativa.
María Rego, técnica encargada da tramitación das subvencións, e Fátima López, arquitecta técnica do Concello de Xove, encargáronse de explicar cales son os trámites que hai que levar a cabo, así como a documentación necesaria e os prazos necesarios para tramitar as axudas municipais, para as cales o Concello de Xove destina unha partida este ano de 333.175 euros. Estiveron presentes na xuntanza o alcalde, Demetrio Salgueiro e as concelleiras Dolores Meitín de Cultura, Cristina Iglesias de Deportes e Cecilia Duarte de Turismo.
Pola súa parte, Demetrio Salgueiro sinalou que "é unha cantidade económica importante a que cada ano se destina para fomentar o deporte, a cultura, as iniciativas de carácter social e a promover todo tipo de actividades lúdicas para o goce de toda a veciñanza".
Tamén destacou que a axuda e apoio dende o Concello non é só económica, xa que tamén se proporciona asesoramento, non esquecendo o intenso uso que as distintas asociacións e clubs fan das instalacións deportivo-culturais do Concello dun xeito totalmente gratuíto.