O Concello de Xove aproba un orzamento de máis de 9,2 millóns de euros para 2026

AMariñaXa
As contas municipais incrementan o gasto en servizos sociais, persoal e investimentos, mantendo a estabilidade orzamentaria e o límite de débeda
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
19 Dec 2025

O Concello de Xove aprobou inicialmente no pleno celebrado o venres 19 de decembro o seu orzamento para o exercicio 2026, que ascende a 9.212.000 euros no Estado de Ingresos e a 8.222.000 euros no Estado de Gastos. Esta diferenza permite aprobar as contas cun superávit inicial de 990.000 euros, co obxectivo de cumprir os criterios de estabilidade orzamentaria establecidos pola normativa vixente.

O documento económico reflicte un incremento significativo respecto ao ano anterior. O Estado de Gastos aumenta en 428.000 euros en comparación con 2025, mentres que os ingresos previstos medran en 1.055.000 euros. Unha parte destacada do orzamento corresponde aos gastos de persoal, que alcanzan os 3.757.000 euros, o que supón o 45,70 % do total e inclúe as subas salariais anunciadas polo Goberno central.

Os gastos en bens correntes e servizos elévanse ata os 3.538.800 euros, representando o 43,04 % do orzamento municipal. Ademais, o Concello continúa apostando polo tecido social e deportivo do municipio cunha dotación de 522.000 euros destinada a subvencións para asociacións, clubs e diferentes liñas de axuda municipal. Os investimentos iniciais previstos para obras de mellora sitúanse nos 400.000 euros.

No apartado de ingresos, o capítulo máis relevante segue a ser o de impostos directos, no que se inclúen o IBI, o imposto de vehículos e, especialmente, o IAE, cunha previsión de 4.083.000 euros. Tamén destaca o imposto sobre construcións, cunha estimación de 360.000 euros, así como o capítulo de taxas e outros ingresos, que alcanza os 2.289.760 euros, cun incremento motivado pola previsión de maior recadación da taxa do 1,5 % sobre vías e voos que abonan as empresas subministradoras de electricidade tras a entrada en funcionamento das cubas de Alcoa.

As transferencias correntes procedentes do Estado e da Comunidade Autónoma estímase que sumen 2.027.800 euros, ás que se engaden 180.800 euros por ingresos patrimoniais e 270.000 euros en transferencias de capital derivadas de diferentes subvencións.

Desde o Goberno local salientan que o orzamento para 2026 cumpre tanto o obxectivo de estabilidade orzamentaria como o límite de débeda. Ademais, avanzan a intención de realizar unha modificación de crédito tras o primeiro trimestre do ano, cando se dispoña de datos máis precisos sobre os ingresos reais, co fin de afrontar novas actuacións prioritarias, entre elas a mellora da rede de abastecemento de auga e o cumprimento do convenio asinado coa Deputación de Lugo para o arranxo da rede viaria provincial.

⚙ Configurar cookies
0.078332901000977