O Concello de Xove abre o prazo para solicitar árbores e plantas de xardín

O Concello de Xove vén de anunciar a apertura do prazo para solicitar árbores froiteiras, autóctonas, ornamentais e plantas de xardín. As persoas interesadas poderán facer a súa petición dende o 10 de novembro ata o 30 de decembro de 2025, ambos inclusive.
Esta iniciativa, impulsada polo Departamento de Agricultura municipal, pretende fomentar o coidado da contorna e promover o uso de especies propias da zona, adaptadas ao clima e ao solo local. Deste xeito, o Concello aposta por unha repoboación sostible e respectuosa co medio ambiente.
As solicitudes deberán presentarse de maneira presencial nas dependencias do Departamento de Agricultura do Concello de Xove, onde se facilitará toda a información necesaria sobre o tipo de plantas dispoñibles e o procedemento para a súa recollida.
Con esta proposta, o goberno local anima á veciñanza a participar activamente na mellora dos espazos verdes, tanto públicos como privados, e a contribuír á conservación da biodiversidade do municipio.