O Concello de Viveiro xa ten listas as bases das axudas ao comercio
O Concello de Viveiro anuncia que xa ten preparadas as bases da segunda liña de axudas ao comercio local, destinadas a paliar o impacto derivado da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no municipio.
Este 2º Plan de Reactivación Económica para os establecementos do tecido empresarial do municipio está incluido dentro do acordo da aprobación de Orzamentos para o exercicio 2021 do Concello de Viveiro.
Dito acordo fora acadado entre o equipo de goberno do PSdG-PSOE e os concelleiros do Grupo Municipal de Por Viveiro.
As axudas impulsadas polo goberno local diríxense a autónomos, microempresas, pequenas empresas, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas empresarias sen personalidade xurídica, radicadas no Concello de Viveiro (tendo tanto o domicilio fiscal como a propia actividade neste municipio).
As posibles beneficiarias deberían de ter unha baixada de facturación de, cando menos, o 50 % no exercicio 2020 respecto do exercicio 2019, ou, no caso de apertura no primeiro trimestre de 2020, unha baixada de facturación de cando menos o 50% nos sucesivos trimestres de 2020 respecto ao primeiro.
O importe destas axudas será de 850 € para cada establecemento beneficiario ata a finalización do orzamento previsto. Non se poderán acoller a esta liña de axudas os establecementos que foron beneficiarios nas axudas concedidas en 2020 polo Concello de Viveiro nin o sector da hostalería, que xa conta cun plan específico, para o que o Concello de Viveiro se adheriu ao Plan de Rescate II da Xunta de Galicia.
Tal e como se fixo coas axudas concedidas polo Concello de Viveiro no pasado ano, dende o goberno municipal remitirase o borrador das bases ás xestorías do municipio antes da súa publicación, para que poidan ter coñecemento do seu contido e ir recabando a documentación solicitada.
Nestes momentos, estase a realizar a tramitación necesaria para a súa aprobación, por parte da xunta de goberno local, en breve. Tras a súa aprobación, publicaranse e outorgarase un prazo para a presentación de solicitudes.
Lémbrase, como xa se indicou, que o Concello de Viveiro se adheriu ao segundo Plan de Rescate da Xunta de Galicia, no que se incluirá unha partida propia deste concello, para conceder unha axuda de 1.000 euros a cada local de hostelería beneficiado.
Ambas axudas, destinadas ao sector da hostalería e do comercio, inclúense no Plan de Reactivación Económica que o goberno local estableceu grazas ao acordo co grupo municipal Por Viveiro, cun importe total de 200.000 euros.