O Concello de Viveiro xa facilitara a documentación da Parrillada do Parque ao BNG

AMariñaXa
O Concello de Viveiro xa había facilitado a documentación da Parrillada do Parque ao BNG previamente a súa queixa de hoxe
casa do concello de viveiro
3 Feb 2022

A alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, quere aclarar os feitos relacionados coa noticia publicada pola voceira do BNG, nos que solicita información sobre o restaurante do parque Pernas Peón. Unha documentación que, tal e como confirma o goberno local, xa lle foi facilitada á concelleira. “Está a sesgar a información, terxiversando a realidade ante a cidadanía de Viveiro”, sinala a rexedora en referencia a esta situación. 

Concretamente, a voceira do BNG vén de facer pública a súa petición de información sobre o citado restaurante. Porén, non indica que o Concello de Viveiro xa respondeu á súa solicitude, dando acceso á voceira do BNG aos expedientes correspondentes, o pasado 27 de xaneiro de 2022. 

Dende o goberno local incídese en que ocultar esta información supón distorsionar a realidade. Na nota transmitida polo BNG despréndese que continúan á espera da documentación solicitada, cando en realidade o Concello de Viveiro xa facilitou o acceso. 

“O único que logra facendo isto é insinuar e crear unha polémica que non existe, xa que ela mesma tivo acceso xa á documentación”, engade a rexedora. 

Nos expedientes aos que se lle deu acceso consta que a cantina do Parque Pernas Peón se atopaba en concesión ata o 31 de maio de 2022, estando autorizado o subarrendo dende o 25 de abril de 2019. Na data de hoxe, presentouse por parte do concesionario escrito de renuncia á concesión.

A partir deste momento, o Concello de Viveiro volve facerse cargo da instalación e iniciará os trámites que legalmente proceden con respecto a esta edificación. 

0.16353988647461