O Concello de Viveiro ten en marcha a cesión da variante
O Concello de Viveiro vén de aclarar, con respecto ás fochancas existentes na zona da Variante, que en base ás necesidades existentes nas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, atendendo á regulación establecida na normativa en materia de Costas e co fin de poder contar coa cesión da propiedade de varios terreos adxacentes a estes paseos (que hoxe en día forman parte do dominio público marítimo terrestre), procedeu á solicitude da regularización da liña interior de ribeira de mar nestes paseos, tendo en conta que perderon as súas características naturais de zona marítimo-terrestre.
Este trámite permite a declaración de innecesariedade previa á tramitación da desafectación e posterior cesión ao concello. “Despois de multitude de reunións de traballo e de xestións tanto a nivel provincial como estatal, conseguiuse atopar unha vía de saída aos problemas coñecidos por todos nesa zona”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Para esta solución lévase traballando dende hai anos, conseguindo que neste momento xa se atope a punto de rematar a tramitación necesaria para a desafectación deses terreos e posterior cesión ao concello por parte de Patrimonio do Estado. Neste sentido, cabe subliñar o importante e arduo traballo que se leva facendo dende o concello; resultando un proceso máis longo do inicialmente esperado que puido chegar á súa fase final grazas á preocupación e insistencia deste concello.
Ademais de tratarse dun proceso longo, require da intervención de varias administracións pero que, finalmente, vai permitir que o concello conte coa titularidade dos terreos afectados e poida definitivamente proceder ao seu arranxo.
Ao longo deste proceso, ademais da tramitación correspondente, é necesario contar coa conformidade das administracións competentes, como titulares do dominio. Durante todo este tempo, o Concello de Viveiro non cesou no seu intento e esforzo por lograr unha solución, atopándose neste momento na fase final. A solución a este problema é unha realidade, que xa se anunciou no seu momento, que se publicou e para o que se realizou o correspondente trámite de información pública.
O grupo de goberno considera que “dende a oposición resulta sinxelo facer demagoxia con este asunto, sacando á luz o mal estado actual cando de sobra son coñecedores da imposibilidade por parte do concello de darlle un arranxo definitivo en tanto non conte coa súa titularidade, sen prexuízo dos arranxos temporais que o concello veu realizando ao longo dos últimos anos”.
“Estou de acordo en que se trata dun problema que urxe solventar, pero os tempos e os trámites administrativos son os que son e este concello, sen deixar lugar a dúbidas, sempre traballou na búsqueda dunha solución que agora, podemos congratularnos, se atopa na fase final”, remata a alcaldesa.