O Concello de Viveiro solicita apoio da Deputación para acometer melloras no Teatro Pastor Díaz

O Concello de Viveiro vén de trasladar á Vicepresidencia da Deputación de Lugo a memoria técnica titulada “Obras de conservación e mantemento no Teatro Pastor Díaz de Viveiro – Lugo”, coa que solicita colaboración económica para levar a cabo diversas actuacións neste emblemático equipamento cultural. A documentación foi remitida tras os contactos mantidos entre ambas administracións nas últimas semanas.
A memoria recolle un conxunto de intervencións consideradas necesarias para asegurar a correcta conservación e o mantemento das instalacións, co obxectivo de garantir o seu uso en condicións axeitadas. Desde o Concello sublíñase que se trata dunha actuación urxente, imprescindible para preservar o bo estado dun espazo que acolle ao longo do ano unha intensa programación cultural.
O Teatro Pastor Díaz constitúe un referente cultural para Viveiro, sendo utilizado de maneira habitual tanto pola veciñanza como por colectivos e entidades culturais do municipio. O seu correcto funcionamento resulta clave para o desenvolvemento da actividade cultural local e para manter unha oferta estable e de calidade.
O Concello de Viveiro queda agora á espera da resposta da Deputación de Lugo para poder avanzar na execución destas actuacións, que o goberno municipal considera prioritarias para asegurar a continuidade e a seguridade do teatro como espazo cultural de referencia.