O Concello de Viveiro segue coas reunións do sector forestal con motivo da ordenanza sobre uso de viais municipais

AMariñaXa
O IES San Rosendo forma a profesionais no agroforestal
concello de viveiro casa consistorial 2022
14 Dec 2023

O Concello de Viveiro celebra unha segunda reunión con representantes do sector forestal, con motivo da ordenanza sobre uso de viais municipais que o Goberno local está a preparar.

Participaron na xuntanza, ao igual que na primeira celebrada en outubro, o concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez, e máis a concelleira de Medio Ambiente e tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, e a alcaldesa, María Loureiro.

Martínez apunta que o obxectivo destas xuntanzas é lograr “unha coordinación e contacto permanente entre os diversos axentes implicados, para que, na medida do posible, todo o mundo poida realizar a súa actividade sen que comprometa a ningunha das outras partes”.

Pola súa banda, Bermúdez sinala que esta nova reunión “demostra o compromiso destas dúas áreas cun sector que é moi importante para o Concello, que precisaba ser atendido”. “Isto supón un cambio de actitude de cara ao sector con respecto a épocas anteriores”, lembra a tenenta de alcaldesa.

“A futura ordenanza que tratamos nesta reunión, sobre o uso dos viais municipais, busca protexer a propiedade pública e ao tempo estar en coordinación co sector forestal cunha perspectiva de man tendida e de escoita”, explica Bermúdez.

Queda proxectada unha terceira reunión entre as concellerías e o sector, na que dende o Concello agardan “darlle xa os últimos remates ao texto da ordenanza”.

0.19350099563599