O Concello de Viveiro revisa as condicións dos nichos do Cemiterio de Altamira

AMariñaXa
Informa que está previsto que a principios do 2025 se incorpore o novo enterrador
VIVEIRO-Cemiterio
31 Out 2024

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro está a revisar as condicións dos preto de 2.000 nichos do Cemiterio Municipal de Altamira, cuxos datos están desactualizados.

O Cemiterio contará en 2025 cun novo regulamento, polo que dende as áreas municipais responsables do mesmo estase a poñer ao día a información relativa ás concesións funerarias. “Agora mesmo quedan entre un 25 e un 30 % por actualizar aínda, de poñer en orde esas documentacións, para saber a quen está cedido o nicho e demais”, sinala Míriam Bermúdez, tenenta da alcaldesa e responsable do cemiterio municipal.

“A intención de cara ó ano que vén é recadar toda a información nun proceso de dixitalización, para ter controladas todas as concesións, e ter dixitalizado cando caducan para poder avisar ás persoas que o teñen en concesión para que procedan á renovación”, engade. O futuro regulamento do cemiterio fixará as condicións nas que se outorgan as concesións, ademais de cuestións relativas ao funcionamento do mesmo, como o seu horario de apertura ao público.

Ademais, está previsto que a principios do 2025 se incorpore o novo enterrador, que se ocupará tamén de manter en boas condicións estas instalación municipal.

Dende a Tenencia de Alcaldía está previsto así mesmo que en 2025 se renove tamén o muro caído e se constrúa unha porta máis ampla, que permita o acceso con vehículos e facilite os labores de enterramento.

0.23784685134888