O Concello de Viveiro renovará as beirarrúas no tramo da estrada LU-540 en Magazos
O Concello de Viveiro renovará as beirarrúas no tramo da estrada LU-540 entre o museo de cerámica Regal Xunqueira e o local de Severiano Agrocomercial. Trátase dun percorrido de 750 metros ubicado na parroquia de Magazos.
Estas obras, trasladan desde a entidade municipal, que suporán un investimento total de 110.795,19 euros, serán executadas pola empresa López y Leis S.A. cun prazo de execución de tres meses, prevéndose o inicio das mesmas a principios do ano 2025.
As actuacións incluirán a demolición do pavimento actual, a colocación dun novo bordo de formigón, a construción dunha nova beirarrúa de formigón impreso de 15cm de espesor, a instalación de pavimento podotáctil nos puntos necesarios e a substitución das bocas de rega existentes.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, destacou a importancia desta intervención para mellorar a seguridade e a accesibilidade nunha vía clave. “É unha mostra do compromiso do noso goberno local coa mellora constante das infraestruturas urbanas, ofrecendo espazos máis seguros e funcionais para a veciñanza”, sinalou.
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, Míriam Bermúdez García, subliñou a relevancia da substitución da rede de abastecemento neste tramo. “Esta obra non só permitira repoñer o pavimento, senón tamén mellorar significativamente a rede de abastecemento, reducindo as frecuentes avarías e os inconvenientes que afectaban esta zona”, explicou.
Os traballos responden á vontade do Concello de Viveiro de "dar solucións eficaces ás demandas veciñais, garantindo que as infraestruturas do municipio cumpran os estándares actuais de calidade, funcionalidade e sustentabilidade", afirman.