O Concello de Viveiro quere facer un Plan de Accesibilidade para persoas con discapacidade

AMariñaXa
O Concello de Viveiro realizou unha xornada de análise a cargo dunha técnica e dúas validadoras da Asociación BATA
VIVEIRO 2024 reunion Plan de Accesibilidade
4 Apr 2024

As concellerías de Emprego e de Accesibilidade do Concello de Viveiro tiveron un primeiro encontro con Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, de cara á elaboración dun Plan de Accesibilidade para Viveiro.

Participaron na xuntanza o presidente de Cogami, Ramón Sestayo Lestón, e o presidente de Cogami Lugo, José Luis Lolo Celeiro, acompañados de varios técnicos da confederación. Por parte do Concello asistiron Míriam Bermúdez, concelleira de Accesibilidade e primeira tenenta de alcaldesa, e Iria Cotelo, concelleira de Emprego.

"Solicitamos información para coñecer de primeira man o labor da organización, xa que queremos facer un Plan de Accesibilidade para Viveiro que teña no centro as demandas das persoas con discapacidade", explica Cotelo.

A concelleira sinalou que o obxectivo é "facer de Viveiro un lugar accesible e cómodo para todas as persoas". "Temos moito interese en elaborar este I Plan de Accesibilidade para Viveiro, e Cogami conta cun departamento nesta área encargado de realizar estes proxectos, que son vitais para a eliminación de barreiras no municipio", engade.

"Tamén mostramos interese en coñecer o procedemento para que o Concello poida realizar a contratación reservada de persoas con discapacidade, xa que para nós é importante usar todas as ferramentas que existen para garantir a igualdade de oportunidades", destaca a concelleira de Emprego.

Cotelo afirmou que o encontro "foi moi frutífero, e continuaremos traballando de forma coordinada tanto para elaborar o plan como para realizar as contratacións". "Agradecemos fondamente a dispoñibilidade dos membros da confederación", concluíu.

0.17349410057068