O Concello de Viveiro publica o decreto coas novas medidas anti covid
A Xunta de Galicia publicou no día de onte o Decreto e a Orde nos que se establecen as novas medidas para facer fronte á crise sanitaria, aplicando para toda Galicia o nivel de restrición máximo.
No caso do Concello de Viveiro, mantéñense as mesmas medidas que xa viñan sendo de aplicación, introducindo como novidade o peche dos establecementos e locais comerciais ás 18:00 horas e exceptuando desta obriga os comercios de alimentación, bebidas, tabaco, gasolineras, artigos médicos e ortopédicos, farmacias e de alimentos para animais de compañía, que poderán pechar ás 21:30 horas (salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior).
As actividades de servizos profesionais, como perruquerías, centros de estética, talleres, xestorías, etc., non se verán afectados por esta medida de redución de horario, podendo pechar no seu horario habitual.
Ademais, a Xunta de Galicia autoriza o uso de instalacións deportivas para a práctica do deporte federado de ámbito nacional que teñan a competición vixente.
Así mesmo, mantense a suspensión das clases presencias do Conservatorio Profesional de Música ata o 17 de febreiro de 2021, que o concello decretara inicialmente, por prevención, ata o 5 de febreiro de 2021. O concello tamén decidiu manter ata o 17 de febreiro de 2021 o peche da Escola Infantil Municipal.
Finalmente, lémbrase que se continúa mantendo o peche perimetral, non se permiten reunións de persoas non conviventes e o toque de queda ás 22.00 horas.
Dende o goberno municipal pídese os veciños e veciñas de Viveiro a máxima prudencia e o estrito cumprimento das medidas establecidas para superar o antes posible esta complicada situación. Dentro das nosas competencias e responsabilidades velaremos por facer cumprir estas medidas polo ben de todos os veciños e veciñas de Viveiro.