Recitais, concertos ou obradoiros para conmemorar o as Letras Galegas de Viveiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro presenta o seu programa para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022, inclúense recitais, concertos e obradoiros
viveiro letras galegas 2022 programa 1
11 May 2022

Inclúense recitais, concertos, obradoiros e a iniciativa “Orgullo de ser”, que propón incorporar pezas do traxe galego ao vestiario.

O Concello de Viveiro presenta o seu programa para conmemorar o Día das Letras Galegas 2022, que este ano se dedica a Florencio Delgado Gurriarán. O goberno local organiza unha extensa programación que se estenderá dende o 13 ao 22 de maio. 

“En Viveiro celebraremos as Letras Galegas durante máis dunha semana, cun programa que involucra a todas as idades e na que involucramos aos centros educativos, ás asociacións culturais, ao conservatorio e outras entidades que traballan en prol da nosa lingua e cultura”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. 

Este venres, 13 de maio comezarán os actos co Concerto de Clarinetes e Frautas co Conservatorio de Música de Viveiro ás 19:00. A continuación, ás 20:30, o Teatro Pastor Díaz acolle a representación teatral “Karelu” de “Os náufragos teatro” con entrada de balde. 

O martes 17 de maio, día das Letras Galegas, terá unha ampla axenda de eventos. Ás 12:30, David Bellas, artista e profesor do conservatorio, interpretará o himno de Galicia dende o balcón da Biblioteca Municipal. Ás 13:00 haberá pasarrúas infantil e xuvenil de gaitas de “Bágoas da Terra”, mentres que ás 14:00 será o pasarrúas de “Amigos do folk”. 

Ademais, o Concello de Viveiro retoma este ano a iniciativa “Orgullo de ser”, coa que invitan á cidadanía a incorporar pezas do traxe tradicional galego á súa vestimenta ou a vestirse completamente co traxe. Os escaparates dalgúns locais do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro tamén exhibirán traxes tradicionais galegos, grazas á colaboración de “Bágoas da Terra”. 

“Agardamos que a veciñanza se sume a esta iniciativa, sentíndose orgullosa das nosas tradicións. Unha proposta que, xunto ao resto do programa, busca dar visibilidade á lingua galega e a toda a nosa cultura ”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega. 

O Día das Letras Galegas pecharase ás 20:30, na Sala do Conservatorio, co “Recital música e letras”, a cargo de Rosa Lage, Víctor Rolle a Lara Fernández. Esta cita contará coa participación dos usuarios de ASPANANE de Viveiro, polo que será un evento que inclúa a persoas con diversidade funcional. 

A xornada do 18 de maio traerá obradoiros de improvisación, baixo o título “Regueifa”, para o alumnado do IES Vilar Ponte e do Ies María Sarmiento. O venres 20 de maio, organízase un concerto de gaitas a cargo do Conservatorio de Música. 

Na fin de semana, o sábado 21 acollerá un obradoiro de iniciación á pandeireta e baile tradicional, gratuíto e dirixido a nenos/as a partir de 5 anos. Ás 13:30, a Praza Maior recibe a actuación do grupo “Os do 21” do Vicedo.   

O domingo 22 de maio a Biblioteca Municipal de Viveiro acolle un obradoiro de debuxar e ler textos de Florencio Delgado Gurriarán. Ese mesmo día, ás 13:00, será o concerto especial “Letras Galegas” da Coral Polifónica Alborada de Viveiro, na praza da Fontenova. A programación péchana os cantos da taberna a cargo de “Espera que vou mexar” ás 14:00. 

0.18164896965027