O Concello de Viveiro pospón o prazo de matrícula na gardería municipal
O Concello de Viveiro viuse na obriga de pechar o pasado mes de marzo a gardería municipal, dentro das medidas excepcionais e de prevención adoptadas con motivo da declaración da situación de emerxencia sanitaria e do estado de alarma.
Como consecuencia da suspensión da actividade, no concello déronse as indicacións oportunas a cada un dos departamentos municipais para que no momento da elaboración dos padróns, tanto deste como doutros servizos que implican o cobro de taxas, se teña en conta esta suspensión aos efectos de liquidar nas mensualidades afectadas unicamente os importes non afectados pola suspensión, quedando, polo tanto, o cobro das taxas paralizado dende o peche da mesma.
Tendo en conta esta situación e as restricións derivadas do estado de alarma, o Concello de Viveiro acordou pospoñer o prazo de matrícula da gardería municipal que, habitualmente, adoitaba realizarse no mes de abril.
Neste sentido, o prazo inicialmente establecido para realizar a matrícula neste servizo municipal será do 20 de maio ao 20 de xuño de 2020, advertindo, en todo caso, de que no suposto de producirse unha prórroga do estado de alarma, este prazo para a matrícula sería tamén prorrogado polo tempo necesario.