O Concello de Viveiro porá en marcha da Oficina Acelera PYMES

AMariñaXa
O Concello de Viveiro acolleu a presentación e posta en marcha da Oficina Acelera PYMES, o programa da Deputación de Lugo
Viveiro Reunion Acelera Pyme
9 Feb 2023

O Concello de Viveiro acolleu a presentación e posta en marcha da Oficina Acelera PYMES, o programa da Deputación de Lugo que busca axudar ás medianas e pequenas empresas así como ás persoas autónomas de toda a comarca para a transformación dixital.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, reuniuse con técnicos da entidade provincial para coñecer de primeira man as bases desta iniciativa, o seu plan de acción, así como as liñas de traballo da oficina que se instalará na vila como parte da Rede galega.

“A responsabilidade do goberno local de Viveiro e estar sempre ao lado dos nosos veciños e veciñas e facer todo o posible por axudar ao seu desenvolvemento. Neste compromiso está tamén colaborar cos empresarios de Viveiro, e entendemos que esta ferramenta axudaralles a súa dixitalización, a mellorar os seus negocios para ganar competitividade e produtividade”, destacou a rexedora.

O proxecto Acelera PYMES da Deputación de Lugo conta cun orzamento de medio millón de euros e ofrece ás empresas e persoas autónomas participantes asesoramento individualizado e personalizado en materia de transformación e capacitación dixital por parte dunha rede de axentes dixitalizadores.

Entre os servizos que ofrece destaca o aproveitamento das moitas vantaxes que ofrecen as tecnoloxías da información como o aceso a novos clientes e mercados, axilizar e flexibilizar os procesos produtivos ou coñecer mellor o perfil dos clientes e anticiparse á demanda.

Para iso, ofreceranse diversos servizos como a diagnose dixital da empresa, recomendacións para a dixitalización do seu sistema produtivo e asesoramento e asistencia na implementación de solucións tecnolóxicas.

Tamén informarán de ferramentas como o Certificado dixital, a Factura electrónica, a Solicitude das axudas do Kit Dixital ou a mellora da imaxe corporativa do negocio entre outras axudas. O teléfono de contacto da oficina Acelera Pymes de Viveiro é 629 604 087.

0.19568586349487