O Concello de Viveiro pon en marcha unha campaña de recollida de xoguetes

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro pon en marcha unha campaña de recollida de xoguetes para repartir entre as familias en situacion de vulnerabilidade
13 Dec 2020

O Concello de Viveiro pon en marcha unha campaña solidaria de recollida de xoguetes para repartir entre as familias do municipio en situacion de vulnerabilidade e con menores a cargo de 0 a 16 anos.

Esta iniciativa busca ampliar o alcance da campaña de recollida que tradicionalmente se realiza en colaboración con outras entidades do municipio.

As persoas interesadas en colaborar poden achegar xoguetes, xogos de mesa, puzzles, material informático, material escolar ou libros, sempre que estén en bo estado e con todos os compoñentes. Nesta campaña, por motivos hixiénicos para facilitar a desinfección dos xoguetes, non se recollerán peluches.

“Ademais da labor solidaria e do compoñente educativo de transmitir aos nosos fillos e fillas a importancia da xenerosidade e de ser capaces de desprenderse dos seus obxectos para facer felices a outros nenos e nenas, cómpre resaltar a importancia da reciclaxe e de dar unha nova vida aos xoguetes”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

A recollida realizarase no Concello de Viveiro, na praza Maior, en horario de 10.00 a 14.00 dende este luns, día 14 ata o 18 de decembro, ambos incluídos. A clasificación e distribución dos xoguetes farase a través dos servizos sociais municipais.

0.15973806381226