O Concello de Viveiro pon en marcha un teléfono de atención para o servizo de recollida do lixo e limpeza viaria
O Concello de Viveiro pon en marcha novas medidas para mellorar a recollida de lixo e a limpeza viaria, solicitando a colaboración veciñal para acadar un servizo máis eficiente.
“Poñemos á disposición dos veciños e veciñas un teléfono de atención á cidadanía do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, o mesmo que para solicitar a recollida de enseres, o 697 162 637, que atende chamadas e whatsapp”, anuncia a tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez.
“En breve anunciaremos tamén unha nova app de incidencias e unha oficina de atención ao cidadán. Dende esta concellería estamos traballando para a posta en marcha de novas melloras, tanto na recollida de lixo, como o punto limpo e a través de novas campañas de concienciación para un servizo máis eficiente e moderno, adaptado a unha cidade como Viveiro”, engade.
Míriam Bermúdez solicita a colaboración da veciñanza para que depositen o lixo á ultima hora da tarde coas bolsas ben pechadas, que non depositen residuos fora dos colectores e que estes permanezan pechados.
“O servizo está traballando para substituír os colectores por outros limpos e baldeando as ubicacións dos mesmos. En pleno agosto, o aumento siginificativo da poboación debido á gran afluencia turística e aos actos festivos destas datas, xeran un aumento importante do volume de lixo, que xunto coas altas temperaturas provocan que o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria aumente o número de avisos e incidencias pese aos reforzos estivais”, remata a tenente de alcaldesa.