O Concello de Viveiro pon en marcha un grupo de participación xuvenil
O Concello de Viveiro informa da posta en marcha do grupo de participación xuvenil, cuxo obxectivo é ser unha canle entre a mocidade de Viveiro e a administración municipal. O grupo terá a súa primeira sesión oficial o próximo venres 29 de outubro ás 17:30 no salón multiusos da casa do concello.
Este proxecto ten o seu inicio no mes de xuño, cando a concellería de Benestar Social do Concello de Viveiro iniciou a súa andadura no proxecto “Cidades Amigas da Infancia”, de Unicef, a través do traballo coa Asociación Branque.
A concellería de Benestar Social, Victoria Baamonde Gómez contactou cos institutos do municipio para dar a coñecer esta iniciativa durante o pasado mes de setembro. Deste modo, o IES María Sarmiento acolleu a inicios de curso escolar, no mes de setembro, varios talleres de promoción para invitar á xuventude a participar e inscribirse no grupo de participación adolescente.
O proxecto ábrese agora a adolescentes de Viveiro de entre 12 e 18 anos, que poden apuntarse e acudir á primeira sesión oficial que se celebrará o venres 29 de outubro de 2021 ás 17:30 no salón multiusos da casa do concello.
Segundo Alejandro Ramos, responsable da dinamización deste proxecto, a pretensión desta acción é darlle voz á xuventude e fomentar a súa participación activa na vida da vila. No grupo de participación adolescente faranse propostas para mellorar o municipio dende a perspectiva da xuventude.
As función destes consellos de infancia son as seguintes:
- Crear unha canle de comunicación entre as nenas, nenos e adolescentes do municipio e as autoridades locais. Trátase dun órgano de representación do conxunto da infancia chamado a trasladar as opinións, necesidades e inquedanzas de todos as nenas, nenos e adolescentes á Corporación municipal e viceversa.
- Propoñer á administración municipal as medidas oportunas para garantir o benestar e o desenvolvemento dos dereitos da infancia no ámbito local.
- Participar na elaboración e seguimento dos Plans de Infancia que se acometan.
- Impulsar a colaboración con outras Administracións públicas en materia de infancia e con entidades que desenvolvan actividades neste ámbito.
Con esta acción, o Concello de Viveiro busca a cooperación das rapazas e rapaces noutros proxectos como Viveiro Inclúe, no que se está a traballar pola mellora da accesibilidade universal do noso Concello dende o ano 2020.
Por agora, o grupo de participación adolescente reunirase unha vez ao mes no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro. Mediante dinámicas participativas, cooperativas e lúdicas, os rapaces e rapazas tratarán de conseguir que, coa colaboración activa do Concello, Viveiro pase a ser recoñecida como Cidade Amiga da Infancia.