O Concello de Viveiro pídelle a Rueda desatascar temas pendentes como o PXOM

AMariñaXa
O Concello de Viveiro pídelle ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desatascar temas pendentes como o PXOM
viveiro porta carlos v vista
4 Xuño 2022

 A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, envioulle unha carta ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle unha reunión na que falar de asuntos de vital importancia para o municipio nos que ten competencias o goberno galego.

“En primeiro lugar, quero transmitirlle a miña sincera noraboa polo seu recente nomeamento como presidente da Xunta de Galicia, cos mellores desexos para esta nova etapa que agora inicia e tendo en conta que todos os seus acertos redundarán positivamente nos galegos e galegas; quero, asemade, brindarlle a total colaboración deste concello para traballar de forma conxunta e coordinada en beneficio dos veciños e veciñas de Viveiro”, afirma Loureiro na carta.

“Neste sentido, gustaríame poder manter unha xuntanza con vostede na que poder tratar sobre diversos asuntos de importancia para este concello que, por poboación, é o terceiro máis grande da provincia de Lugo. Entre as cuestións que me gustaría falar, inclúese o Plan Xeral de Ordenación Municipal ou temas vinculados ao seu futuro industrial”, apunta a alcaldesa.

Hai tamén outros temas pendentes como a Vía de Alta Capacidade da Costa Norte; o saneamento da ría; a colaboración da Xunta co Conservatorio Profesional de Música de Viveiro; a reconstrucción de Xunqueira; a conexión de Viveiro con Cabreiros, o Museo da Semana Santa, ou a mellora, reorganización e humanización da fachada marítima de Viveiro.

“Son moitos os temas que afectan á vida diaria dos nosos veciños que necesitan unha maior colaboración entre as administracións local e autonómica”, engade a alcaldesa de Viveiro, que espera que o presidente da Xunta teña en canto o antes posible a súa demanda para reunirse.

0.19223785400391