O Concello de Viveiro pide ás entidades locais que comuniquen a súa programación anual

O Viveiro vén de facer un chamamento ás asociacións veciñais, clubs deportivos, comisións de festas e demais colectivos do municipio para que remitan nas próximas semanas a relación de actividades e eventos que teñen previsto desenvolver ao longo do ano.
A administración local solicita tamén que, xunto coa programación prevista, se detallen as necesidades organizativas que poidan requirir para a súa celebración. Entre elas inclúense a utilización de espazos municipais, a reserva de instalacións deportivas ou culturais, o préstamo de material, así como a coordinación de servizos e apoio loxístico.
O obxectivo desta iniciativa é contar cunha visión global do calendario anual con suficiente marxe de planificación. Deste xeito, o Concello pretende evitar solapamentos de actos nas mesmas datas e garantir unha distribución máis equilibrada dos recursos municipais dispoñibles.
Desde o goberno local subliñan que unha planificación anticipada permitirá ofrecer unha resposta máis áxil ás peticións das entidades e mellorar a coordinación entre os diferentes colectivos. Ademais, facilitará unha axenda máis ordenada que redunde nunha maior participación veciñal e nunha mellor organización das actividades que dinamizan a vida social de Viveiro.
O Concello agradece de antemán a colaboración das entidades e anima a que comuniquen a súa programación o antes posible para contribuír a unha xestión máis eficaz e estruturada do conxunto de eventos do municipio.