O Concello de Viveiro pide á veciñanza unha maior colaboración no depósito de enseres e residuos na vía pública

AMariñaXa
O Concello de Viveiro quere aclarar as actuacións levadas a cabo no parque Pernas Peón tralas críticas verquidas por Por Viveiro.
basura lixo abandono residuos monte viveiro 2024
23 Feb 2024

O Concello de Viveiro pide á veciñanza do municipio unha maior colaboración no depósito de enseres e residuos na vía pública. Dende a empresa FCC sinalan que recollen enseres sen aviso previo nunha media de 25 a 30 localizacións cada semana, ademais dos que si están axendados.

A tenenta de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez, lembra á veciñanza que “a recollida de enseres e residuos é gratuíta e na propia casa, só hai que avisar previamente chamando ao 697 16 26 37 ou escribindo a ese mesmo número por Whatsapp”.

“O depósito sen previo aviso ou incorrecto de enseres repercute nunha estética pouco coidada da vila, e resulta especialmente grave o depósito de residuos no monte cando se dispón deste servizo gratuíto”, sinala Bermúdez.

Dende a Concellería de Medio Ambiente estase traballando na Ordenanza de Convivencia e Residuos para exercer un maior control sobre estas situacións, recollidas na mesma como sancionables.

A nova ordenanza sancionará o abandono de residuos con multas de entre 50€ e 70€ para infraccións leves, de entre 751 euros e 1.500 euros para as infraccións graves, e de 1.501 euros a 3.000 euros para as moi graves, incluíndo estas últimas o depósito de materiais perigosos como a uralita. A previsión é que en dous ou tres meses poida tratarse no pleno municipal.

“Apelamos á responsabilidade individual de cada veciño e veciña para que situacións inaceptables como estas non se volvan dar”, recalca a tenenta de alcaldesa.

0.20216989517212