O Concello de Viveiro patrocina o partido internacional de fútbol sala feminino entre España e Finlandia

AMariñaXa
O evento, que se celebrará o 2 de abril no pavillón municipal, contará con entrada gratuíta para toda a veciñanza
VIVEIRO-PATROCINA-O-PARTIDO-ESPAÑA-FINLANDIA--futbol-sala
28 Mar 2025

O Concello de Viveiro patrocinará un importante encontro amigable de fútbol sala feminino sub-19 entre as seleccións de España e Finlandia, que terá lugar o 2 de abril ás 20:00 horas no pavillón municipal. A presentación deste evento deportivo realizou na Casa do Concello, onde a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, estivo acompañada de Pablo Prieto, presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), e Julio Mougán, presidente do Comité Galego de Fútbol Sala.

A rexedora expresou a súa satisfacción por poder patrocinar un evento de tan alto nivel, destacando que “é unha honra para nós acoller este partido, que converterá a Viveiro no epicentro do fútbol sala feminino o vindeiro mércores”. Gueimunde subliñou tamén que a entrada será libre e gratuíta para todos os veciños, permitindo que a xente do municipio poida gozar deste evento sen ningún custo.

A alcaldesa sinalou que, ao tratarse dunha competición internacional que se transmitirá en directo a través das canles da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e contará co apoio de medios especializados, representa unha gran oportunidade para dar a coñecer Viveiro a un público máis amplo.

O patrocinio do Concello ten un importe de 2.000€ máis IVE e estará destinado a cubrir gastos relacionados coa publicidade, o catering, a ambulancia, o transporte, a pernocta e os recursos humanos necesarios para o evento. Gueimunde destacou que este investimento terá un impacto positivo na economía local, especialmente no sector da hostalaría e no conxunto de servizos do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.060014009475708