O Concello de Viveiro participa nos encontros da rede municipalista solidaria
O Concello de Viveiro informa da participación da concelleira de Servizos Sociais, Victoria Baamonde Gómez, na xuntanza da Rede Municipalista Solidaria (RMS), organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A RMS reúne ao persoal técnico e político encargado das relacións co Fondo Galego en cada unha das deputacións e concellos socios. Deste modo, a responsable de Servizos Sociais de Viveiro participou na reunión desta mañá, xunto cos responsables de entidades de Lugo e A Coruña, para coñecer en profundidade as actividades a tratar.
Dado o contexto sanitario, a xuntanza realizouse por primeira vez en formato online. Durante a reunión, a entidade presentou o balance dos proxectos realizados no ano 2020, un exercicio marcado pola pandemia do COVID-19, e tratouse a planificacións das accións para o ano en curso.
Viveiro integra, xunto a outros concellos e entidades, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da que depende a RMS. Dito fondo é unha asociación sen ánimo de lucro, centrada na cooperación co desenvolvemento en países empobrecidos e na sensibilización social en Galicia.