O Concello de Viveiro organiza un sorteo con motivo do Día da Biblioteca

AMariñaXa
O Concello de Viveiro, a través da concellería de Cultura, conmemora o vindeiro 24 de outubro o Día das Bibliotecas.
dia biblioteca viveiro sorteo 1
21 Oct 2021

O Concello de Viveiro, a través da concellería de Cultura, conmemora o vindeiro 24 de outubro o Día das Bibliotecas. Unha data que o Concello quere celebrar cos usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal de Viveiro e con todas aquelas persoas que queiran sumarse a esta comunidade. 

Para celebrar esta data, o Concello de Viveiro organiza un sorteo entre todas as persoas que retiren un libro na Biblioteca Municipal o sábado 23 ou o luns 25 de outubro. Todos os usuarios/as que tomen prestado un exemplar da biblioteca entrarán no sorteo dun lote de libros e dun abono da programación do Teatro Pastor Díaz de Viveiro. 

“Para o goberno local é unha prioridade ofrecer diferentes actividades culturais, polo que é unha satisfacción que a comunidade da Biblioteca sexa cada vez máis grande e más participativa”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro. 

A isto súmase a representación teatral “Casting”, o sábado 23 de outubro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A función, a cargo da compañía “Hipócrita Teatro” será ás 20:30. Dende o Concello anímase á cidadanía a gozar nesta outra actividade cultural, que forma parte da programación cultural deste outono. 

Ademais dende o Concello de Viveiro destácase o éxito da iniciativa “Ruada de Contos”, que se realizou este mes e que contou cunha ampla participación dos nenos e nenas do municipio. “Estamos moi orgullosos de que a infancia participe tan activamente na vida cultural de Viveiro”, engade a concelleira de Cultura. 

dia biblioteca viveiro sorteo
0.11123704910278