Os orzamentos autonómicos achegan máis de 1,6 millóns de euros para melloras no porto de Celeiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro obtivo o compromiso do conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, para desbloquear varios proxectos importantes para a vila.
reunion viveiro portos mar
31 Out 2023

O Concello de Viveiro obtivo o compromiso do conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, para desbloquear varios proxectos importantes para a vila.

Entre os temas tratados, están os danos na rampa que da acceso á lámina de auga dende a ponte da Misericordia. Portos comprometeuse a manter a curto prazo unha reunión co servizo provincial de Costas e o concello para avaliar a situación e acometer a actuación necesaria.

Da reunión tamén saíu o compromiso de Portos para axilizar o informe que certifique a non existencia de actividade portuaria na situación do peirao, incluída a casa do gardapeiraos. Tamén na zona do Casino, en concreto na parcela do aparcadoiro e nas pistas que hai diante do edificio.

"Axilizar a tramitación deste informe é imprescindible para conseguir o expediente de reversión desas zonas para darlles outros usos por parte do concello", dixeron.

Por último, falouse da posibilidade de reorganizar o espazo que une Celeiro con Viveiro dende o porto deportivo, xa que se fai necesario organizar os usos por parte da veciñanza e a actividade portuaria, buscando sempre unha alternativa que permita garantir a seguridade da actividade portuaria, mais procurando que a solución non sexa tan invasiva esteticamente.

PORTO DE CELEIRO.

O Goberno autonómico contempla nos orzamentos para 2024 actuacións por importe de máis de 1,6 millóns de euros para a mellora do porto de Celeiro. Os traballos que se levaran a cabo no porto de Celeiro permitirán ampliar 70 novas prazas de amarre no porto. Esta actuación atópase a día de hoxe en licitación e conta co orzamento para a súa execución no vindeiro exercicio.

Este proxecto consiste na instalación de novas prazas de atraque mediante pantaláns flotantes e a colocación dun dos pantaláns deportivos existentes, para cubrir as necesidades de toda a frota profesional (3ª lista) e de recreo (7ª lista) existente. Para a 3ª contémplanse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a 7ª lista, 52 prazas de 6 metros de eslora.

Os orzamentos recollen unha partida de 30.000 euros para a tramitación previa do proxecto de ampliación do dique de abrigo de Celeiro. Esta actuación, cun importe plurianual estimado de un millón de euros, atópase en tramitación ambiental e administrativa para formalizar a adscrición de terreos necesaria, un trámite que depende do Goberno central.

0.13812708854675