O Concello de Viveiro lembra aos titulares de parcelas a obriga de mantelas limpas

AMariñaXa
A tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente no Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, lembra ás persoas titulares de parcelas e terreos a súa obriga de mantelas limpas co obxectivo de “previr os incendios forestais no municipio”.
27 Xan 2024

A tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente no Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, lembra ás persoas titulares de parcelas e terreos a súa obriga de mantelas limpas co obxectivo de “previr os incendios forestais no municipio”. En concreto, lémbralles ás persoas propietarias “a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada das especies arbóreas prohibidas nas franxas secundarias”, segundo define o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Viveiro (PMDIF), nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con este deber finalizará o vindeiro día 31 de maio de 2024. Deberán limparse as parcelas afectadas, tanto de maleza como de árbores consideradas pirrófitas.  Transcorrido dito prazo outorgado sen que as persoas responsables xestionen a biomasa ou retiren as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos ao responsable, así como ao comiso da madeira resultante da tala das especies arbóreas prohibidas.

Igualmente, o incumprimento conlevará a aplicación de sancións económicas por importes que van desde os 1.000 euros ata os 100.000 euros, en función da clasificación da infracción. Os propietarios e interesados poderán consultar as parcelas catastrais incorporadas nas franxas secundarias de biomasa do PMDIF a través do visor incorporado na páxina web do Concello de Viveiro ou ben no visor de faixas secundarias da Xunta de Galicia.

0.099496126174927