O Concello de Viveiro lembra a obriga de limpar as faixas de xestión de biomasa antes de maio

AMariñaXa
O incumprimento pode derivar en multas, execución subsidiaria e sancións que chegan ata o millón de euros
faixas-de-proteccion-incendios
7 Mar 2026

O Concello de Viveiro vén de facer un chamamento á veciñanza para que cumpra coa normativa vixente en materia de prevención de incendios forestais, lembrando que as persoas titulares de parcelas teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nas denominadas redes secundarias de faixas de protección.

Esta responsabilidade afecta á franxa perimetral de 50 metros que rodea o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable, así como ás contornas de edificacións illadas, vivendas, urbanizacións, depósitos de residuos, cámpings, gasolineiras, parques, instalacións industriais e outras construcións situadas a menos de 400 metros do monte. Segundo subliña o consistorio, tamén deberán retirarse as especies arbóreas consideradas prohibidas pola normativa autonómica.

Entre a vexetación que debe eliminarse inclúense, a modo de exemplo, piñeiros, eucaliptos, acacias, mimosas, carqueixa, xestas, piornos, fentos, silvas e toxos, tal e como establece a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. O obxectivo destas medidas é reducir o risco de propagación do lume e reforzar a seguridade das persoas e dos bens.

O Concello incide en que os traballos de limpeza e xestión da biomasa deberán estar finalizados antes de que remate o mes de maio de cada ano. Unha vez superado ese prazo, as persoas que non teñan executado as actuacións recibirán unha notificación oficial concedéndolles un período máximo de 15 días naturais para cumprir coa obriga. No caso das franxas laterais das vías de comunicación, o prazo poderá estenderse ata tres meses.

Desde o goberno local advírtese de que o incumprimento poderá dar lugar á imposición de multas coercitivas reiteradas cada tres meses, así como á execución subsidiaria dos traballos por parte da administración, co conseguinte repercusión dos custes ás persoas responsables. Ademais, poderá iniciarse o correspondente expediente sancionador e, nas situacións máis graves, impoñerse sancións económicas que poden alcanzar o millón de euros.

O bando municipal lembra tamén que, segundo a lexislación vixente, a falta de cumprimento destas obrigas pode incluso derivar nun procedemento de expropiación forzosa por interese social. Con esta comunicación, o Concello pretende reforzar a concienciación cidadá e evitar situacións de risco ante a chegada da época de maior perigo de incendios.

0.12017107009888