O Concello de Viveiro lanza unha canle oficial de WhatsApp para informar á veciñanza

AMariñaXa
A nova ferramenta permitirá recibir avisos urxentes, eventos e información municipal de forma directa e privada
casa-do-concello-de-viveiro
Actualizada el 22 febrero 2026, 14:19 horas
4 Feb 2026

O Concello de Viveiro vén de activar a súa canle oficial de WhatsApp como un novo medio de comunicación directa coa cidadanía, co obxectivo de achegar a información municipal dun xeito máis áxil, sinxelo e accesible. A iniciativa pretende facilitar que os veciños e veciñas estean ao día das principais novidades do municipio en tempo real.

A través desta canle, as persoas subscritas poderán recibir avisos urxentes e notificacións sobre incidencias, como cortes de tráfico ou cambios en servizos municipais, así como información relacionada coa programación festiva, actividades culturais e eventos de interese xeral. Ademais, tamén se difundirán contidos vinculados a axudas públicas, oportunidades de emprego e propostas formativas.

Desde o Concello destacan que se trata dunha ferramenta pensada para o uso cotián, cun formato cómodo e intuitivo, que non require interacción por parte dos usuarios e garante a privacidade das persoas subscritas. O servizo complétase co resto dos canais informativos municipais, reforzando así a comunicación institucional.

As persoas interesadas poden unirse á canle oficial do Concello de Viveiro a través da ligazón habilitada en WhatsApp ou mediante o acceso dispoñible na biografía do perfil municipal en Instagram. Unha vez dentro, recoméndase activar as notificacións premendo na icona da campá para recibir os avisos no momento da súa publicación.

0.26741909980774