O Concello de Viveiro inicia este sábado a programación cultural do primeiro semestre
O Concello de Viveiro inicia este sábado, 11 de febreiro, a programación cultural do primeiro semestre do ano, coa aclamada obra teatral N.E.V.E.R.M.O.R.E. A peza é unha coprodución da compañía teatral Chévere e o Centro Dramático Nacional, mentres que a dramaturxia e a dirección están a cargo de Xron.
Esta obra teatral recorda a traxedia do Prestige co obxectivo de que este capítulo da historia galega non caia no esquecemento. A peza, con melodías do cancioneiro tradicional galego, acude á memoria colectiva do pobo galego, quen no ano 2002 fixo fronte a unha terrible catástrofe.
A cita será ás 20:30 no Teatro Pastor Díaz. As entradas poden adquirirse a un prezo de 5€ (3€ estudantes e xubilados/as) na propia taquilla do teatro de luns a venres de 9:00 a 14:00, no teléfono 982560162 ou no e-mail rbg.cultura@viveiro.es.
Con esta peza, o Concello de Viveiro inicia o seu programa para este semestre no Teatro Pastor Díaz, no que se ofrecerán espectáculos a prezos reducidos, co obxectivo de achegar a cultura a toda a cidadanía.