O Concello de Viveiro informou á veciñanza sobre a eliminación da praia de Celeiro
O Concello de Viveiro informou á veciñanza sobre a eliminación da praia de Celeiro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia impulsada pola Consellería de Sanidade. Este feito implica a prohibición do baño nesta praia.
A pesar de que a última analítica realizada na auga sinala que esta é apta para o baño, os resultados microbiolóxicos obtidos en tres dos últimos catro anos, o período no cal o areal foi incluído no programa de vixilancia sanitaria, obrigan á prohibición do baño por non ter acadado os requisitos mínimos nesas tempadas pasadas.
A eliminación desta zona de baño do programa de vixilancia da Consellería de Sanidade implica que esta deixará de facer un seguemento desta praia nas próximas tempadas de baño, debendo o Concello colocar carteis indicando a prohibición de bañarse.
Dende o Concello informarase tamén aos usuarios da praia do resultado das últimas analíticas mediante a colocación de carteis no propio areal, para que estes teñan coñecemento da situación actual da calidade da auga.
Así mesmo, e tendo en conta as obras de mellora realizadas na EDAR de Celeiro e no emisario, dende o Concello de Viveiro solicitarase de novo a inclusión da praia de Celeiro no Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.