O Concello de Viveiro impulsa a restauración ambiental da praia de Covas

AMariñaXa
O proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica prevé eliminar especies invasoras e recuperar o sistema dunar con especies autóctonas
recuperacion-dunas-praia-de-covas-viveiro-2025-2
29 Oct 2025

O Concello de Viveiro publicará mañá no taboleiro municipal o anuncio para iniciar o trámite de exposición pública do proxecto "Eliminación de especies exóticas, restauración con autóctonas e restauración ambiental do sistema dunar da praia de Covas", promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo.

O proxecto ten como obxectivo mellorar o estado ecolóxico do areal, cun conxunto de actuacións dirixidas á recuperación integral do ecosistema natural. As medidas inclúen a retirada de especies invasoras, a plantación de flora autóctona e diversas accións de restauración ambiental destinadas a reforzar a estabilidade das dunas e a conservación do ecosistema da praia de Covas.

O documento permanecerá dispoñible para consulta durante un prazo de vinte días hábiles, contados dende o seguinte á súa publicación no Boletín Oficial do Estado, que tivo lugar hoxe.

Segundo recolle o anuncio publicado, a información completa pode consultarse tamén na páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, onde se inclúe o proxecto íntegro, cun orzamento base de licitación de 1.655.116,93 euros.

Durante o período de exposición pública, a documentación poderá revisarse nas dependencias do Concello de Viveiro, así como nas oficinas do Servizo Provincial de Costas en Lugo e Foz, ou de maneira telemática a través da citada web. Calquera persoa ou entidade poderá presentar as alegacións que considere oportunas dentro do prazo establecido.

recuperacion-dunas-praia-de-covas-viveiro-2025
⚙ Configurar cookies
0.074131965637207