O Concello de Viveiro explicou aos grupos a situación polo vertido de purín no río Landro

O Concello de Viveiro celebrou este xoves unha xunta de voceiros á que asistiron todas as formacións políticas con representación municipal. O encontro estivo centrado no vertido de purín rexistrado no mes de xuño no río Landro, un suceso que levantara preocupación na veciñanza e que continúa a ser obxecto de investigación.
Na reunión déronse a coñecer os informes elaborados pola Policía Local, Protección Civil e a empresa concesionaria Viaqua, xa remitidos ao Seprona, e tamén se informou do proceso en marcha para coñecer as dilixencias xudiciais. O obxectivo, segundo explicou o executivo, é que o Concello poida personarse nelas e realizar as reclamacións que correspondan.
A alcaldesa Mariña Gueimunde lembrou que, desde o primeiro momento, o Goberno municipal “actuou con total transparencia, ofrecendo información puntual á cidadanía e aos grupos que se interesaron, que, naquela fin de semana, foron o PSOE e Por Viveiro; non así o BNG”. A rexedora engadiu que o Concello segue pendente de coñecer as dilixencias previas para poder reclamar os posibles danos ocasionados, sempre en coordinación cos organismos competentes.
Gueimunde criticou a postura de BNG e PSOE, que insisten en pedir a convocatoria dun pleno extraordinario sobre este asunto. “Xa se explicou todo en agosto, volveuse expor hoxe na xunta de voceiros, e seguiremos informando con claridade cando haxa novidades. O único que fan BNG e PSOE é enredar, marear á veciñanza e tratar de xerar confusión, cando saben que non hai nada que ocultar”, subliñou.