O Concello de Viveiro entrega os premios aos gañadores do concurso de fotografía Onde les ti?
A concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, entregou hoxe os premios aos gañadores e gañadoras do concurso de fotografía “Onde les ti?”, impulsado dende o Concello de Viveiro para conmemorar o Día do Libro, nunha iniciativa na que colabora tamén o Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro.
Os premiados na edición deste ano foron Carlos Romero Quintana, na categoría adulta; Candela Rego Rial, na xuvenil, e Vega Salgueiro Bermúdez, na infantil.
“Dende o Concello de Viveiro agradecemos a todos e a todas as participantes a súa implicación para facer posible que estas actividades saian adiante e, sobre todo, por posicionar a nosa Biblioteca Pública Municipal nas redes durante todos estes días nos que se levan a cabo as votacións”, subliña a concelleira de Cultura.
“É moi importante visibilizar as bibliotecas públicas porque fan un gran labor educativo, un labor silencioso pero perenne durante toda a historia da humanidade. Son templos que temos que salvagardar sempre para que a nosa rapazada e os nosos veciños e veciñas poidan mellorar, e sobre todo vivir con ese espírito crítico que nos da a lectura", engade Lara Fernández Fernández-Noriega.
Os gañadores desta iniciativa impulsada pola concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal recibiron un lote de libros cun valor de 60 euros e un lote de entradas para “Cines Viveiro” cun valor estimado de 100 euros por categoría.