O Concello de Viveiro di que o PXOM xa conta co informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, informa que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Viveiro conta xa co informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas, un organismo dependente da Xunta de Galicia.
“Un dos trámites aos que está sometido o PXOM, con carácter preceptivo e vinculante para o concello, é o relativo ás estradas de titularidade autonómica que transcorren polo noso municipio, sendo competente para informar a Axencia Galega de Infraestruturas”, explica Loureiro.
“Un paso importante para contar co documento definitivo do Plan Xeral, unha ferramenta moi necesaria para o futuro de Viveiro”, engade a alcaldesa.
Tras a emisión de catro informes desfavorables por parte da AXI, neste momento o PXOM de Viveiro xa conta co informe favorable.
Neste sentido, con respecto a este informe, o concello realizará unhas determinadas adecuacións puntuais e continuará levando a cabo as tramitacións necesarias para obter os demais informes sectoriais nos que era necesario ter o informe favorable da AXI.