O Concello de Viveiro comprométese a facer todo o posible para que se celebre o Naseiro

AMariñaXa
A comisión debe estar creada ao longo desta semana, como máximo o luns 15 de xullo, para estar en prazo de solicitar todos os permisos
naseiro
9 Xul 2024

O Concello de Viveiro acolleu unha reunión entre os portavoces dos diferentes grupos políticos municipais e os técnicos xurídicos para falar da situación da Romaría de Naseiro. O grupo de goberno quere deixar claro que fará todo o posible para que se celebre o Naseiro, “pero ten que haber una comisión de festas, como sempre houbo”.

A comisión debe estar creada ao longo desta semana, como máximo o luns 15 de xullo, para estar en prazo de solicitar todos os permisos. “Os veciños e veciñas saben que é unha das festas coa que máis colaboramos e teñen o noso compromiso de axudarlles nos gastos e nos permisos e trámites con Augas de Galicia, pero é necesaria a creación dunha comisión organizadora”, engade a alcaldesa, María Loureiro.

O custe de redacción dos proxectos para solicitar os permisos correspondentes oscila entre os 15.000 e os 20.000 euros, que xa o ano pasado asumiu o concello. A tenente de alcaldesa, Míriam Bermúdez, desminte categoricamente que fixese as declaracións as que fai referencia a portavoz do PP, Mariña Gueimunde, que asegurou que “a PSOE e BNG non lles importa que se deixe de celebrar o Naseiro, a alcaldesa non quere responsabilidades e a tenente de alcaldesa prefire evitar o problema de que esta festa xera moito lixo e supón máis traballo”.

A tenente de alcaldesa esixe do PP unha oposición responsable, que non se sustente no engano á veciñanza de Viveiro. “Dende a concellería de Medio Ambiente colaborarase co Plan de Xestión de Residuos, que terá unha xestión municipal”, engade Míriam Bermúdez, que insiste en que “se colaborará e fará todo o posible para que haxa Naseiro”.

0.1589789390564