O Concello de Viveiro comeza a renovación das beirarrúas na estrada LU-540

AMariñaXa
As obras, cun investimento de máis de 110.000 euros, mellorarán a seguridade, accesibilidade e a rede de abastecemento da zona
VIVEIRO-Obras-Magazos-2025
20 Feb 2025

O Concello de Viveiro deu inicio ás obras de renovación das beirarrúas no tramo da estrada LU-540 entre o museo de cerámica Regal Xunqueira e o local de Severiano Agrocomercial, un percorrido de 750 metros situado na parroquia de Magazos. Estas actuacións, que foran anunciadas no pasado mes de decembro, contan cun investimento de 110.795,19 € e serán executadas pola empresa López y Leis S.A., cun prazo de execución de tres meses.

As melloras previstas inclúen a demolición do pavimento actual, a instalación dun novo bordo de formigón e a construción dunha beirarrúa de formigón impreso de 15 cm de espesor. Tamén se instalará pavimento podotáctil en puntos estratéxicos e substituiranse as bocas de rega existentes, ademais de mellorar a rede de abastecemento na zona para evitar futuras avarías.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, subliñou que a renovación das beirarrúas mellorará “a seguridade e a accesibilidade para a veciñanza, que son dúas das grandes prioridades do noso Goberno local no que se refire ás infraestruturas do municipio”.

Por outra banda, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras e Infraestruturas, Míriam Bermúdez, destacou que os traballos “permitirán mellorar tamén a rede de abastecemento, evitando as avarías e problemas que esta estaba a sufrir na zona”.

0.16819882392883