O Concello de Viveiro colabora un ano máis coa Semana Santa dos Nenos
O Concello de Viveiro colabora un ano máis coa Semana Santa dos Nenos, promovida polos veciños de Campo de Urraca, que se celebrará esta fin de semana, concretamente mañá e o sábado.
Máis de 200 cativos formarán parte dun dos actos máis emotivos da Semana Santa viveirense, declarada de Interese Turístico Internacional, e que mestura a través deste tipo de actividades tradición, devoción e colaboración cidadá.
"Esta celebración é unha garantía da continuidade da Semana Santa de Viveiro, que ten non só unha gran tradición e un gran pasado que segue máis vivo que nunca, senón tamén un gran futuro”, afirma a alcaldesa María Loureiro.
“A Semana Santa dos Nenos conta xa cunha notable traxectoria en si mesma, sendo un xeito marabilloso de implicar á cativada na celebración desta época tan importante para Viveiro”, destaca a rexedora.
O Concello de Viveiro colabora con esta cita aportando a merenda de todos os nenos e nenas que participan e o material necesario, ademais da organización e a loxística das procesións que discorrerán polas rúas da vila.
Segundo informa o Concello, o tráfico estará cortado á altura da praza Juan Donapetry e a Avenida de Cervantes o venres 5 de abril ás 18:00 horas e ata o paso da procesión, e de novo ás 19:00 na praza Juan Donapetry, no retorno da mesma cara a Campo de Urraca.
Por outra banda, o sábado 6 de abril a praza xa mencionada volverá ter o tráfico cortado ás 18.00, para a saída da procesión, e ás 19:00, no seu retorno.